Monday 13 de May de 2024

Concello e Mitma asinan o convenio para financiar con 9 millóns de euros a nova estación Intermodal


Inés Rey: “O Goberno central amosa a súa aposta pola cidade nun dos proxectos máis necesarios para mellorar a mobilidade colectiva”

O Concello da Coruña asinou xa o convenio co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) para cofinanciar a construción da nova terminal de autobuses da estación Intermodal A Coruña-San Cristovo, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. En concreto, o convenio instrumenta a subvención nominativa de nove millóns de euros que o Ministerio concede ao Concello para a execución do proxecto, que ten un orzamento total estimado de 32,4 millóns de euros.

A futura terminal de autobuses contará cun edificio de viaxeiros, conectado coa pasarela peonil, unha planta baixa para aparcadoiro de turismos, un andar intermedio para dársenas de autobuses e unha cuberta lixeira, en consonancia co da estación de ferrocarril. A actuación está cofinanciada polo Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e Mitma. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebrou este paso que permite que a nova Intermodal sexa edificada cunha achega mínima das arcas municipais. “O Goberno central amosa a súa aposta pola cidade nun dos proxectos máis necesarios para mellorar a mobilidade colectiva e que pronto estará a disposición da cidadanía”, apuntou a rexedora.

Rey lamentou, por outra banda, a falta de resposta da Xunta de Galicia ante a petición formal do Concello para mellorar o proxecto inicial, creando un novo acceso para tráfico rodado que coexistiría coa plataforma peonil que unirá as avenidas da Sardiñeira e Ferrocarril: “Tendémoslle a man á Administración autonómica para que solucione esta situación e evite así posibles alteracións no tráfico no futuro”.

O proxecto da estación Intermodal no seu conxunto pretende integrar plenamente os autobuses interurbanos e os autobuses urbanos co ferrocarril, así como fomentar a mobilidade sostible, potenciando o uso do transporte público e da intermodalidade, ademais de conseguir un óptimo funcionamento da nova estación de autobuses e a súa integración co medio urbano, contribuíndo así aos obxectivos do Plan de Recuperación de descarbonizar e dixitalizar a mobilidade e o transporte.

Nese sentido, o Goberno de Inés Rey aprobou o 3 de novembro en Xunta de Goberno Local un modificativo de crédito que permitirá financiar as obras ordinarias de urbanización da vía de conexión entre a avenida da Sardiñeira e a avenida de Arteixo, que permitirá a creación do novo acceso á estación. A actuación contempla outras novidades para a avenida da Sardiñeira, como un carril bici bidireccional, a implantación do sentido único na rúa Europa e a modificación da intersección coa rolda de Outeiro. O executivo local sacou xa a licitación a reurbanización completa da avenida da Sardiñeira, un investimento que ascende a 1,8 millóns de euros e para o que o Goberno de Inés Rey obtivo tamén financiamento europeo a través dos fondos Next Generation.

Unha nova estación

Este proxecto enmárcase no convenio subscrito en maio de 2021 entre o Concello da Coruña, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Xunta de Galicia e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) para o desenvolvemento dunha área de intermodalidade de transporte de viaxeiros na Coruña e a súa contorna urbana. Entre as actuacións previstas no convenio, figura a nova estación de autobuses e a remodelación da estación ferroviaria da Coruña-San Cristovo, correspondéndolle á Xunta de Galicia a redacción do proxecto da terminal de autobuses, e a Adif a do proxecto da estación ferroviaria e dos elementos comúns.

A remodelación e modernización da estación converterá a súa marquesiña histórica nun gran vestíbulo con zona comercial, habilitará unha sala de embarque e reordenará as plataformas baixo unha nova cuberta. Ademais, optimizará a praza de acceso e reforzará a súa integración coa cidade.